Tropa de Trapo

Música / Teatro

Facemos contos con música. Contos que teñen moito que dicir, cun trasfondo social e unha vertente pedagóxica coidada. E música co que sexa.

A Tropa de Trapo somos Marta Ortiz e Brais das Hortas.

Xuntos contamos para todo tipo de públicos (adulto, adolescente, familiar e infantil) e en todo tipo de situacións (auditorios, casas da cultura, institutos, rúas, prazas, colexios, prisións, rotondas, cemiterios…).

Facemos contos con música.

Contos que teñen moito que dicir, cun trasfondo social e unha vertente pedagóxica coidada.

E música co que sexa. Tanto instrumentos habituais (guitarra eléctrica, clásica e acústica, frautas, acordeón, loopstation, laúde árabe…)  coma creados por nós (beatería de refugallo, antenas tubulares, efectos sonoros…). Música que lle dá ambiente aos contos ou para bailarmos co público.

Sempre con ritmo, humor e moita participación do público.

Levamos 10 anos contando e percorrendo a xeografía galega. Xiramos xa 5 veces co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade por toda Galicia, con Abanca, centos de colexios e institutos, romarías e festas, festivais… Porque todo sitio é bo para unha boa historia.

Lucía é unha nena que descobre unha maleta vella de seu avó, a quen non chegou a coñecer. É todo o que de seu avó quedou, pero seus pais non lle deixan ver o que hai dentro. Nesta maleta prohibida están os recordos máis queridos de seu avó, os seus segredos. Unha noite, Lucía decide ir ver o que hai alí dentro…

Dende entón, a voz do avó acompáñanos nun espectáculo de catro contos, participativo, con música e efectos sonoros en directo. Contos de vacas, de tormentas que meten medo, de homes e mulleres que viaxan en busca do lume…

A música acompaña a algúns dos contos, co son da melódica, da darbouka, ou mesmo de frautas traídas da lonxana China… E os efectos sonoros son participativos na súa maioría, algúns de reciclaxe, outros corporais e outros con instrumentos de percusión.

Antía é unha nena galega que vai merendar ao parque. Wamba é un mozo do Congo que vende de todo no Top Manta para poder sobrevivir. Unha carreira, un tropezo e un bocadillo van unir as súas vidas e van compartir o que nese momento levan enriba : Antía, a súa merenda, e Wamba, as súas historias.

Ao longo do espectáculo, Wamba contaralle a Antía catro historias que falan de África e de Europa, do que nos sobra e do que nos falta, de compartir de verdade, de valorar o importante, de rir, de mirar con esperanza ao futuro… contos para bailar e cantar, para xogar, pero tamén para sentir e pensar.

Todo fiado coa voz de Wamba e un refrán de súa avoa : o río énchese de regatos pequenos.

Na casa de Lila ultimamente hai bastantes problemas. Tantos que Lila, seu pai e súa nai teñen que deixar a súa casa e ir á da avoa.

Pero o peor aínda estaba por chegar. Unha noite Lila, metida na cama con súa avoa, comeza a soñar en branco e negro. Os seus soños quedaran sen cores!

Menos mal que alí estaba a avoa e un vello libro cheo de cores e de contos para soñar, rir e volver a crer que os problemas teñen solucións e os nosos soños poden ter todas as cores que queiramos.

Neste espectáculo veremos obxectos reciclados e cotiás cobrando unha nova vida e axudándonos a contar estas historias : unha maleta convertida nunha casa, unha familia de trapo, un libro de retais de telas, cintas de cores, un funil, un plumeiro…

E tamén lle faremos participar ao público, cantando e bailando, axudando a rematar os contos e devolvéndolle a alegría a Lila.

Todo comezou hai anos, nun parque. Antía era unha nena galega e Wamba un rapaz do Congo. Chocaron e compartiron o que tiñan : Antía a súa merenda e Wamba as súas historias. E aí comezou un camiño. Pero botarse a andar pola vida é o que ten : que dás moitas voltas!.

…E agora os seus camiños separáronse. Antía é unha cooperante na aldea de Wamba, en África, e Wamba percorre Europa buscándose a vida. Aínda que no fondo os dous andan o mesmo camiño : o seu.

Reciclaxe, música, amizade, historias… Aldeas de xigantes, animais que cantan para entenderse, unha fonte sen auga por culpa do cu dun xigante, unha aldea que canta cun caldeiro…

Contos que comparten Antía e Wamba, África e Europa, para aprender a compartir, a afrontar os problemas con optimismo, a resolvelos falando… ou mellor aínda : cantando!.

Sen parar nunca o ritmo dos pés, porque neles está o ritmo do noso camiño.

Atención! Esta contada está en obras. Si : está sen acabar. Pero non vos preocupedes. Temos un andamio, tubos de antenista, unha guitarra eléctrica cun looper, unha batería cun capacho e un caldeiro, ferramentas… e a axuda do inestimable público.

Malo será que entre todos non acabemos estes contos cheos de música e ritmo. Contos de osos tristes, de extraterrestres que viaxan en caldeiros de fregar, de cans de palleiro que se convirten en superstars…

A nova tolería de Brais das Hortas. Contos, música, títeres, instrumentos con obxectos e moita interacción co público.

A hora azul son catro contos que veñen de Marrocos, de Alxeria, da Galicia… de calquera parte do mundo e de todas á vez. Contos de mulleres valentes en tempos difíciles, festas nunha aldea galega, lendas marroquís de pan e cheiriños sabrosos…

Historias ao son da guitarra portuguesa, do laúde árabe, da darbouka, do caixón flamenco e das karkaba.

Ideais, valores, cartos, historias de amor entre as areas do Sáhara e o torreiro de Chandebrito.

Sen caer en tópicos sobre a solidariedade e a cooperación, CONTOS COAS MANS ABERTAS é un espectáculo cheo de esperanza, de humor, de amor, de realidade, de pequenas loitas posibles e de grandes soños no horizonte. Contos para mellorar o mundo, para entendelo mellor, para traballar por el. Sempre coas nosas mans, as que temos, as que tanto valen : as nosas mans abertas.

Xirando en torno á idea das mans, pola nosa imaxinación irán pasando mulleres maiores dunha aldea galega que aprenden a andar en bicicleta, cooperantes, guerrilleiros sandinistas, vacas e unha tribu de bosquimanos cun curioso convidado…

Todo misturado cun ritmo entretido, próximo e emocionante. Sempre aliñado cun pouco de retranca, misterio e ilusión e o son da música en directo, desta vez coa guitarra.

Contos de mortos que non están tan mortos, da Santa Compaña que non eran tan santa, de aparecidos e visións… de todas estas cousas que rodean a vida e a morte en Galicia, e das que nunca está de máis falar un pouco. Porque o mundo cambia.

O noso mundo, o dos vivos… e quen sabe se o dos mortos tamén cambiou!

Porque, aínda que haxa luz eléctrica, nunca se sabe onde se che pode aparecer algo…

Event List