Área didáctica

A Tropa de Trapo naceu cunha clara vocación didáctica. Tanto Marta Ortiz coma Brais das Hortas viñamos de diferentes experiencias relacionadas co mundo da educación (maxisterio, alfabetización, cooperación internacional, organización de xornadas sobre pedagoxía…). Así que decidimos darlle aos nosos contos e espectáculos un fondo e contido axeitado ás idades e ás temáticas que nos interesaban.

Levamos 10 anos traballando en institutos e escolas, achegando a música, a oralidade e as artes escénicas ao público infantil e adolescente de toda Galicia.

Dende o ano 2010 colaboramos ano a ano co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para realizar campañas de sensibilización, creando espectáculos e contidos específicos para traballar estas temáticas en todo tipo de lugares e con todo tipo de xente. Froito desta colaboración naceron espectáculos coma “Antía, Wamba e o regato pequeno” (que xa viron miles de nenos e nenas galegas, xirou en 3 ocasións co Fondo e nunha coa xira de escolares de Abanca), “Contos coas mans abertas” (público adulto), “O ritmo do camiño” (2ª entrega das historias de Antía e Wamba) e “Ti tamén contas” (co que estreamos o debate en escena).

Recentemente traballamos coa Deputación da Coruña para traballar temáticas de xénero, sexismo e prevención de violencia machista nos institutos co espectáculo-obradoiro “Contamos todas”.

As nosas propostas están pensadas para divertir, entreter e invitar á reflexión. Cun punto novo, sinxelo e próximo pretendemos falar dos dereitos das persoas, de valores, de igualdade, de xénero, cooperación, acción social… Conto a conto intentamos construír un mundo máis xusto e respectuoso.

Estes contidos didácticos aparecen nas seguintes formas:

  1. Debate en escena
  2. Obradoiros específicos con grupos reducidos
  3. Temáticas e contidos das propostas artísticas
  4. Unidades didácticas que acompañan aos nosos espectáculos.

Contidos didácticos

Esta é a nosa proposta máis nova. Mistura contos, dinámicas e xogos de debate, superando a barreira do límite de aforo, habitual neste tipo de obradoiros.

Comezamos con contos que axudan a romper o xeo. Nun principio movemos a enerxía e as emocións do público con humor e historias. Deste xeito, a xente estará máis receptiva e activa na parte do debate. Despois rompemos a barreira do escenario e comezamos a xogar co público. Propoñemos, preguntamos, provocamos. Tanto dende o escenario como baixando entre as butacas. Nós poñemos as historias e o público pon as reflexións. Compartirémolas xogando. Co debate en escena, todos somos público e escena ao mesmo tempo. As verdadeiras protagonistas serán as opinións.

As fontes

Para o debate en escena utilizamos dinámicas e técnicas de Teatro da Oprimida. O Teatro da Oprimida naceu en Brasil coa vontade de buscar solucións de forma conxunta a diversos problemas, especialmente nas favelas. A través de improvisacións teatrais, as comunidades intentaban ensaiar solucións diversas aos seus conflitos. Primeiro expoñíase un problema. Despois intentábase representar en escena con persoas voluntarias de entre o propio público. Debatíase e propúñanse solucións. E en escena intentaban levar adiante as solucións que elas e eles mesmos propuxeran.

O Teatro da Oprimida é unha ferramenta de transformacións social. E dentro del hai unha figura inspiradora : o Curinga.

O Curinga é o intermediario entre a xente e a escena. É quen dinamiza e provoca o debate. Repite o que a xente di para que todo o mundo escoite e procura facer intervir ao maior número de persoas posible. O Curinga nunca opina ni xulga. Só se preocupa de manter vivo o debate, con ritmo e axilidade.

Na Tropa de Trapo somos dúas persoas facendo de Curinga no debate en escena. Isto permítenos ter o espazo equilibrado en todo momento. Unha de nós está en escena, repetindo opinións e animando aos actores e actrices, e outra entre o público, dinamizando e axilizando a participación e as opinións.

Con estas ferramentas traballamos a cooperación e a igualdade, tanto en primaria como secundaria, na xira do 2015 do Fondo Galego con “Ti tamén contas”. A nosa última proposta de contos e debate en escena é “Contamos Todas”, para secundaria, coa que traballamos a desigualdade de xénero, sexismo e prevención de violencia machista, nunha xira organizada pola Deputación da Coruña.

Neste caso, polo tipo de dinámicas e por operatividade, si que temos límite de aforo. Aconsellamos que non pase dunhas 30 persoas por cada grupo. Tendo en conta que na Tropa de Trapo somos dúas persoas, isto permítenos traballar con 2 grupos en 2 lugares diferentes á vez, chegando nunha sesión a unhas 60-70 persoas. Visitamos xa centos de centros de primaria e secundaria por toda Galicia realizando diversos obradoiros.

Realizamos diferentes tipos de obradoiros, case sempre relacionados cun espectáculo determinado que ten o seu obradoiro específico. Primeiro nos contos expoñemos unhas temáticas e despois afondamos con xogos e dinámicas.

Por un lado temos obradoiros para traballar a oralidade, con xogos de teatro e dinámicas que potencien a expresión corporal, comunicación non verbal (postura, xesto, mirada…), xogos de improvisación…

Pero tamén temos outros de teatro social, con dinámicas e xogos para traballar a cooperación e a importancia do traballo en equipo, tanto con público infantil coma adolescentes. En secundaria adoitamos empregar ferramentas do Teatro da Oprimida para que o propio grupo propoña os temas e problemáticas que imos traballar, partindo así directamente dende os seus intereses e inquedanzas.

Dende o seu nacemento, A Tropa de Trapo estivo claramente marcada pola súa vocación didáctica e social, procurando tocar en todos os espectáculos temas sobre os que consideramos era necesario debater e afondar. Sempre coa ferramenta dos contos e obradoiros, dende a palabra e o xogo, con humor e esperanza, con solucións e diálogo.

Procuramos invitar ao debate e a reflexión dunha maneira dinámica e positiva. Por iso as historias dos nosos espectáculos están moi seleccionadas en función dunha mensaxe global que queremos transmitir.

A lingua e a cultura galega sempre están presentes dunha maneira transversal, ou mesmo con espectáculos centrados en costumes e particularidades da nosa idiosincrasia (Contos de Defuntos, etc).

A reciclaxe tamén xoga un papel fundamental, constituíndo boa parte das nosas escenografías (“O ritmo do camiño”, “Zona en obras”) e instrumentos musicais (batería de refugallo, antenas tubulares, efectos sonoros…). Empregamos en moitos contos obxectos de refugallo ou cotiás, afondando na idea de darlle sempre outra vida ás cousas e non ver os residuos coma un camiño sen saída.

A cooperación e a solidariedade son as protagonistas en varios dos nosos espectáculos, tanto para persoas adultas e adolescentes (“Contos coas mans abertas”) coma nenos e nenas (“Antía, Wamba e o regato pequeno”, “O ritmo do camiño”, “Ti tamén contas”). Queremos invitar á reflexión sobre a desigualdade, sobre os dereitos das persoas e a nosas responsabilidade para construír un mundo mellor. Sempre dende o humor, o amor, o respecto e a esperanza.

Tamén abordamos a igualdade de xénero, o sexismo e o machismo na nosa sociedade (“Contamos todas”) con contos que falan de mulleres reais, que aportan outra perspectiva, outro camiño. Procuramos empoderar, traballar en positivo e amosar saídas.

Case todos os nosos espectáculos para primaria dispoñen de unidade didáctica que afecta a diversas areas Lingua Galega e Literatura, Música, Educación Artística e Plástica e Coñecemento do Medio…

Dende A Tropa de Tropa queremos apoiar a tarefa educativa do equipo docente. Por iso poñemos á súa disposición material axeitado a cada espectáculo, para achegar a oralidade, a música e as artes escénicas en xeral ao conxunto do alumnado. Facemos ademais fincapé nos dereitos das persoas, valores de igualdade e na acción social para construír un mundo máis xusto e respectuoso co medio. Deste xeito, un pase da Tropa de Trapo nun centro pode repercutir no curriculum antes, durante e despois da propia actuación.