Parrulas Fest
Festival Miúdo Nigrán
O Parrulas Fest Nigrán é un festival de artes escénicas dirixido a público infantil e familiar. A primeira edición celebrouse en agosto de 2020 no esteiro da Foz, no concello de Nigrán. A duración do festival foi de 4 días e pasaron por el 8 das mellores compañías de circo, maxia, música, acrobacias e outras disciplinas. Sete compañías galegas e unha compañía convidada dende Catalunya.
Esta primeira edición contou cunha asistencia dunhas 600 persoas durante os catro días de festival (respetando as restriccións de aforo derivadas do COVID) enchendo todas as localidades do recinto.
O Parrulas Fest Nigrán caracterízase por facer unha variada e coidada programación na que destacan valores como a igualdade, o coñecemento, a escoita e o humor. Outro dos propósitos deste festival é achegar ás veciñas e veciños do Val Miñor ás artistas máis recoñecidas do país e poñer a Nigrán no mapa dos festivais de artes escénicas en Galicia. Así como sementar nas máis cativas o amor pola cultura, a lingua galega e compartir o tempo coas familias e amigas. Todo isto nun enclave natural como é o esteiro da Foz, fomentando así o uso de espazos verdes e o disfrute da natureza.
En agosto de 2021 tivo lugar a segunda edición. Nesta ocasión participaron 10 compañías (9 galegas e 1 convidada dende Andalucía). E houbo 2 funcións especiais dirixidas á primeira infancia. Contou cunha asistencia de máis de 1000 persoas durante os catro días de festival (respetando as restriccións de aforo derivadas do COVID) enchendo todas as localidades do recinto. Esta segunda edición tivo moi boa acollida por parte do público, ata o punto de que podemos dicir que o Parrulas Fest Nigrán chaegou para quedarse.