Tropa de Trapo
Tropa de Trapo somos Marta Ortiz e Brais das Hortas. Xuntos contamos para todo tipo de públicos (primeira infancia, infantil e familiar, adolescente e adulto) e en todo tipo de situacións (auditorios, casas da cultura, institutos, colexios, prisións, rúas, prazas, cemiterios...).
Facemos contos con música.
Historias que teñen moito que dicir, cun fondo social e unha vertente pedagóxica coidada.
E música co que sexa. Tanto instrumentos habituais (guitarra eléctrica, clásica e acústica, frautas, acordeón, loopstation, laúde árabe...) coma creados por nós (beatería de refugallo, antenas tubulares, efectos sonoros...). Música que lle dá ambiente aos contos ou para bailarmos coa xente.
Sempre con ritmo, humor e moita participación do público.
Levamos 10 anos contando e percorrendo a xeografía galega. Xiramos xa 6 veces co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, tamén fixemos funcións escolares coa Fundación Abanca por auditorios e teatros de toda Galicia, centos de colexios e institutos, festivais, romarías e festas... Porque todo sitio é bo para unha boa historia.